Monday 06 de May de 2024

Quince mozos participarán dende o próximo luns nun campamento de traballo internacional na illa de sálvora


Promovido pola Xunta, Illas Atlánticas e Concello

Do 10 ao 21 de xullo, a illa de Sálvora vai ser escenario dun campo de traballo internacional organizado por iniciativa da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Parque Nacional das Illas Atlánticas e Concello de Riveira.

Quince son os mozos e mozas que, con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos e procedentes de países como Rusia, Francia e diversos puntos de España, entre outros lugares de orixe, tomarán parte nesta iniciativa que está concibida como espazo de aprendizaxe con dúas vertentes diferenciadas:

• Por un lado, en horario de mañá os mozos levarán a cabo accións de voluntariado ambiental tales como o control e retirada de especies alóctonas, arranxo e mantemento de muros e estruturas, control e acompañamento de visitantes, seguimento de fauna, apoio nas funcións de vixilancia da illa ou gastronomía ambiental.

• E por outro, a segunda parte do día estará enfocada a actividades de ocio no entorno: por exemplo, observación estelar (cómpre lembrar que Sálvora conta co certificado Starlight auspiciado pola Unesco), outdoor training, snorkel, orientación, obradoiros de pesca ou a recreación da vida dos fareiros.

A Escola de Tempo Libre Illas Atlánticas será a encargada de coordinar este campamento. Durante a súa estancia alí, os rapaces estarán aloxados na antiga fábrica de salazón coñecida como Pazo de Sálvora.